miércoles, 2 de julio de 2008

Santos do día

San Llastlaicagöuman

Patrón do desamor, canonizado no 1966 polo propio Dylan. É un dos santos que provocan meirande fervor nos crentes, que peregrinan a cotío ao seu santuario.

Iconografía: premer aquí, se vos atrevedes.

martes, 1 de julio de 2008

Momentazos 10

Momento 1: No bus. Meu Señor Dylan! Aquelo parecía La Juventud Baila, 40 Aniversario. Eu era dos máis novos! Fago, pecador, firme propósito de non volver a un concerto do Noso Señor.

Momento 2: Leopard Skin Pill Box Hat. Fago firme propósito de non perderme nunca un concerto do Noso Señor. Digo: hai que ter moita confianza nun mesmo e no teu repertorio para comezar un concerto cunha canción pola que roqueiros de todo o mundo presentes, pasados e futuros, darían un brazo.

Momento 3: Girl of the North of the Country. Unha versión preciosa, desas que din "irrecoñecible". Coño! É que non é a mesma canción! Xa o explicou unha vez o profeta Chiquito: o Noso Señor non grava versións definitivas, grava versións, sen máis, así que, se agora xa non lle gusta o que gravou, pois canta outra. E punto.

Momento 4: Memphis Blues Again. O Noso Señor anda despistado. Na cuarta estrofa entran todos menos el. Non pasa nada. Esa banda poderosísima agarda a que esperte do seu soño, fogar de Zimmermán, e enganchan como se nada. Pouco despois toca coller a armónica. Cóllea do revés. Faise un lío. Arranxado cun portentoso solo de guitarra.

Momento 5: It's All Right, Ma! Con ese riff que se inventou Dylan cando a terra inda estaba quente xa nos chega. Había por alí un banjo que soaba nas estrofas e calaba no estribillo. Dous aires distintos na mesma canción. Non estivo nada mal.

Momento 6: Handy Dandy. Unha canción moi bonita e (aparentemente) inocente. Di nunha das Biblias Adventistas Dylanianas (Expecting Rain) que era a primeira vez que a tocaba en directo. Eu, pecador, non o sabía. Farei o preciso acto de contrición.

Momento 7: Highway 61 Revisited. Non é necesario dicir nada máis.

Momento 8: Ain't Talkin'. A xulgar polas declaracións da ferigresía, momentazo feminino. Non houbo rapaza que se lle escapara. Esa viola púxoas nerviosas.

Momento 9: Like a Rollin' Stone. Non é necesario e bla, bla, bla...

Momento 10: Un pequeno grupo de adventistas dylanianos reúnese preto da barra para darse fraternalmente a paz e primeiros comentarios entregados á causa. Momentazo inesquecible, agardo que repetible.

Erros teolóxicos


Erro 1: "Dylan non mira para o público". Claro. É que a aparición é el, non nós. Nós pagamos por velo. El cobra. Nós viaxamos 200, 300 o mil quilómetros para velo. El nin sairía á fiestra para vernos pasar. El escribiu Leopard Skin Pill Box Hat. Nós non.

Erro 2: "É difícil recoñecer as cancións". Debe ser. E moito. Na Coz de Galicia o inclito e marabilloso periodista que cubre o paso do Noso Señor pola terra dixo que tocou Blues in Earth. O do Qué País!, que tocou unha estraña (para min estrañísima) versión de Hey, Joe. Pois qué ben.

Erro 3: "Foi moi puntual". O concerto era ás 9:30. Púñao en tódolos sitios. Outra cousa é que por aquí haxa que poñer os concertos ás 12 da noite para que a xente vaia chegando á 1:00 e o intérprete suba ao escenario á 1:30.

Erro 4: "Aquelo era un xeriátrico". Sen ser un erro moi claro, aló había xente de tódalas idades, e por preto do escenario a media de idade reducíase moito. A barra si que pareceía un chiringuito de Benidorm.

Erro 5: "Non tocou Hurricane". Pois non. Nin Just Like a Woman. Nin Cat's in the Well. Non pode tocar todas. Son como 500. Inda estaríamos alí. Podería ser, pero non. Qué mágoa.

Erro 6: "Non habería máis de 7 ou 8000 persoas". Abondas. O Noso Señor, en contra da lóxica do marquetin das estrelas do rock, baseado en non deixarse ver demasiado polos foros, actúa 13 veces na Península e a xente, normal, agarda a que pase por preto súa casa (Springsteen dixit).

Te alabamos, Dylan.

viernes, 27 de junio de 2008

Esta noite é Noiteboa



Chega o Señor. Agora xa non hai volta atrás. Tedes feito acto de contrición? Estades xa confesados e absoltos? Purificados? Pobres daqueles que inda persisten no pecado, porque el, que o ve todo, castigaráos cun concerto acústico, eterno e insoportable. Como os Adventistas Dylanianos non somos xente rencorosa, deixámosvos levar ao inferno un exemplar de La Voz de Galicia, para que disfrutedes das crónicas envexodylanianas dese peazo periodista.

Por outra banda, aqueles que viven en Dylan, disfrutarán hoxe da visión gozosa do Pai, sentarán á súa diestra (máis ou menos, inda que é zurdo) e vivirán eternamente nun ceo musical sen igual. Sodes moitos os chamados e tamén os elixidos (con entrada).

Recomendación para todos vós (nós): o importante é participar, así que coidadiño na (auto)estrada, que vos quero ver a todos alí. Que non falte ningún!

Quedade con Dylan.

TAN DE ATAR

Non esaxero se afirmo que estamos diante da foto dun dos maiores expertos non en Dylan senón na patoloxía dylanita, o egrexio don Ángel Poucacousa. Pai de dous tolos dylaniáns, soubo explicar en breves palabras (case nun adaxio) os síntomas de tal enfermidade. El mesmo tivo a involuntaria fortuna de escoitar por duplicado a obra completa do de Duluth sen sofrir por iso dano algún. A súa sentencia queda marcada nos anais das máximas eruditas: "Estos fíos míos tan de atar". 
No día D.

jueves, 26 de junio de 2008

Ideas para vivir o Advento (II): Vísperas, a oración da tarde

Sabido é, irmáns todos na Única Fe, membros e membras do Igrexo Dylanianoniana dun Día Destes, que o Noso Señor requiere que o recibamos preparados. Moitas persoas pías coñeceredes, e incluso algún herexe que anda ceibo, con tendencia a preparar as vísperas. Mesmo vós, antes de ir botar un polvo de sabadete, pensádeo, pasades pola ducha o venres sexades home ou muller e pese a que a sabedoría popular deixa ben claro que

"a cousa non se lava
se non non sabe a nada".

Pero é así: o mesmo que cando tiramos sen querer o muro do viciño por riba dos seus repolos collemos o legón para estar preparados para a súa chegada, cada unha das nosas accións merece unha preparación previa e a visita do NosoSeñor non había de merecelo menos que un incidente casual co que ganaches un par de metros para os teus tomates.

É por iso que vos falaremos a seguir da oración da tarde, as Vísperas: celébranse as vísperas pola tarde (é por iso que sechaman oración da tarde, claro), cando atardece (valla a rebuznancia) e o día vai de caída (pese a que co noso horario pode anoitecer ás once, mira ti qué mal ten para estar nunha terrazola baixando garimbas). Dacordo cos Principios e Normas Xerais da Liturxia das Horas Musicais Dylanianonianas, a oración para as vísperas dA Chegada neste cuarto xoves do Salterio e previo á NoiteBoa é a seguinte:

***

INVOCACION INICIAL

VICARIO: Dylan, amigo, vén no noso auxilio.
RESPOSTA PIADOSA: Señor (Tales of Yankee Power), date presa en socorrerme. Gloria a ti, ó teu órgano (Hammond) e maila túa harmónica. Amén.

HIMNO

Porque é tarde, meu Dylan,
porque cae a noite e se anubra o meu camiño,
porque temo perder as rodeiras que seguín,
non me deixes só e queda comigo.

Porque fun rebelde e escoitei a Brús
e fedellei nas letras de Wilco,
e mesmo fun a un concerto dos Rolling
e máis a outro de Billy Bragg

Perdóame, Dylan, e queda con nós.

Porque ardo en sede de ti
e en fame do teu trigo, vén,
senta á nosa mesa,
abáixate a ser noso amigo.
Qué amodo cae a tarde,
Queda con nós.

Amén

SALMODIA

Ti es, señor (Tales of Yankee Power) o noso benfeitor e o noso refuxio no trebón no que nos poñemos a salvo. ¡Feliz o pobo que ten por Deus a Dylan!

(Segue á salmodia, inmediatamente, un momento de meditación gorentando a birra)

LECTURA BREVE

Teimade firmemente alicerzados e inconmovibles na fe e non vos afastedes da esperanza do evanxeo que oístes, que foi predicado a toda criatura con reproductores de música baixo os ceos.

RESPONSORIO

VICARIO: Dylan é noso pastor, nada nos falta.
RESPOSTA: Dylan é noso pastor, nada nos falta.

VICARIO: ¡No verde parqué do IFEVI fainos chimpar!
RESPOSTA: Nada nos falta.

VICARIO: Gloria a Dylan, á súa harmónica e ó órgano Hammond.
RESPOSTA: Dylan é noso pastor, nada nos falta.

CONCLUSION

VICARIO: Dylan vos bendiga, vos garde de todo mal e vos leve ó Concerto Eterno (e non acústico, por Dylan)
RESPOSTA: Amén.

***


Non fai falta advertir ás xentes da Única Boa Fe que este acto litúrxico ha de acompañarse coa música de Deus que a cada quen mellor lle proa, unhas bebidas e artículos do fumador no caso necesario.

Quedade con Dylan.


Iconografía do rito: a chavala que mellor lía e tira birras no medio, e os dylanianonianos arredor, sen afeitar, esperando que rule. (Que ninguén interprete isto como unha estructura machistopatriarcal da Igrexa Dylanianoniana, ¡por Dylan!)

Dúbida comprensible a día de hoxe (xoves de adviento fumbolístico eurocópico): ¿É posible celebrar as vísperas vendo fútbol, sexa un roxo ou ruso? É posible, é, sempre que se baixe o volume dos comentarios e se suba o da Música Divina. ¿Que estades nun bar? Ben que facedes vós que podedes, pero se ameazades con marchar sen pagar e levades a discografía dylanianoniana é case imposible estatísticamente que non deades cun camareiro ó que lle guste algún dos discos e volo poña de bo xorne. E se non lle gusta, ¿qué facedes nese bar? ¿Evanxelizar? Ah, entón vale: ¡pero que poña a Dylan aínda que ás veces se escoite máis a San Camacho Mandrilista dos Juevos Como Polotas!

DURA (CON PERDÓN) COMPETENCIA PARA O 27


A gracia (ou graza) estará connosco ese día. Polo de agora compartindo cartel no mesmo muro. From arumesblogspotcom sen permiso nin ostias. 

HIGHWAY 61 AVISTATED

Anda xa por Vigo o ghicho. Este ovni (o vob na inmensidade) foi avistado onte á tarde baixando cara ao cámping de Samil, que é onde vai pasar estas noites, antes do concerto. aisisoaisis onafizdeiomei.

O cociñeiro



O Señor trae un cociñeiro con el. El, que o ve todo, sabe que por aquí temos uns artistas culinarios que non dan de comer, senón que crean emocións e sensacións. El, segundo vemos, quere comer. Qué come? Alimentos orgánicos sen graxas trans. Así, en xeral. Menos pedras, válelle todo ao natural.

Palabra de Dylan, te alabamos Señor.

O cú de Dylan e os pecadores from the meadows

¡Tantas carnes atopa o pecado nas que fincar os caíños!

Perdoade que non enrede: estou preparando a oración das vésperas. Déixovos unha foto de Dylan de espaldas unha das poucas veces que se lle viu así nun concerto. Pertence á dourada época da Rolling Thunder Review, cando gastaba maquillaxe e leopard-skin pill box hats.

¡Dylan vos bendiga!

miércoles, 25 de junio de 2008

Qué canción é esta?



Esa será a frase máis escoitada durante a Epifanía ou Epifonía. Moitos tentarán non pronunciala e farán como que si, pero non. Non. Todos nos imos perder nalgunha das 17 cancións interpretadas polo Señor, polo menos no principio, e tardaremos (uns máis, outros menos) en recoñecelas. Non se hai que avergoñar. E lembrade: esto é unha Epifanía ou Epifonía, non un concurso nin un exame. Disfrutade do concerto que é ao que imos. Que non recoñecedes a canción ata que empece a cantar? Tranquilos, irmáns. Non pasa nada. É moi posible que algún dos músicos tampouco. Ata é posible que o Noso Señor non decida que canción cantar ata que, tras escoitar os primeiros compases de Netty More, diga: "hostia! Qué ben entraba aquí agora I ain't gonna work on Maggie's Farm no more".

Así é el. Dylan. Qué grande!

lunes, 23 de junio de 2008

Santos do día



San Blogüinindegüind, evanxelista.

Fillo do propio Bob Dylan, foi o primeiro en saír polo mundo adiante proclamando a nova verdade aos xentís. Malia o seu fundamentalismo folk, segue a gañar adeptos á causa polo mundo adiante. Non é santo da devoción de todos, pero aí está.

Iconografía: Un mechero encendido entre varios miles deles.

viernes, 20 de junio de 2008

Carta de Deus



¡¡¡Deeeuuuss estaáááá aquíííí.
vinde aaaadoooradooreees,
aaaaadoreemooosss a Dylan in persoooon!!!


Seino: a música non é apropiada, pero cantada con ledicia expresa moi ben o arrobo do dylanianoniano cando abriu o sobre. Ademáis, as cancións de Dylan que usan a palabra ticket, ou falan dun ticket para ir ver un cretino (e comparar sería herexía) ou de tickets para asistir polo morro á voda do fillo dun senador.

Nota para quen non coñeza a copla malamente traducida: imaxinen un coro de beatas tentando aburrir un cura. Esa é a música.

jueves, 19 de junio de 2008

Herexías, herexías



Queridos irmáns. Hai neste país e agora dúas fondas preocupacións sobre esta nova epifanía que requiren un tratamento especial pola nosa banda. Estas preocupacións foron expostas por dous herexes que xa foron debidamente expulsados da nosa comunidade, inda que o problema, como sucede a cotío con estas discusións que entran no terreo do teolóxico, segue a reptar polas nosas conciencias.

O primeiro dos ataques é que nestas epifanias o noso Señor Dylan adoita interpretar cancións que non coñece ninguén (anatema!). O segundo é que o fai ademais de costas ao público, como era costume antes do xa referido Concilio Ecuménico Dylaniano II. Veremos que non é así.

Desde a súa chegada ao Vello Continente, Noso Señor Dylan tense aparecido aos seus discípulos en 14 ocasións, nas que interpretou 17 cancións de cada vez, sumando un total de 56 cancións distintas. Coñecidas? Descoñecidas? Xulgade por vós mesmos, irmáns:

Thunder on the Mountain (14) ; Summer Days (14) ; Highway 61 Revisited (14) ; It’s All Right, Ma (I’m only bleeding) (12) ; Rollin’ and Tumblin’ (12) ; The Leeve’s Gonna Break (10) ; Honest With Me (9) ; Like a Rolling Stone (9) ; High Water (8) ; Beyond the Horizon (8) ; Workingman Blues #2 (7) ; Tangled Up in Blue (7) ; All Along the Watchtower (7) ; Ballad of a Thin Man (6) ; Stuck Inside of Mobile With The Memphis Blues Again (6) ; Just Like a Woman (6) ; Nettie More (6) ; Don’t Think Twice (It’s All Right) (5) ; Ain’t Talkin’ (5) ; Watching the River Flow (4) ; Posetivily 4th Street (4) ; When the Deal Goes Down (4) ; Tryin’ to Get to Heaven (3) ; Tweedle Dee & Tweedle Dum (3) ; Lay, Lady, Lay (3) ; Rainy Day Woman 12 & 35 (3) ; Things Have Changed (3) ; It ain’t Me Babe (3) ; If You See Her, Say Hello (3) Lonesome Day Blues (3) ; Moonlight (3) ; A Hard Rain’s a-gonna Fall (2) ; Love Sick (2) ; Love Minus Zero/No Limit (2) ; I’ll Be Your Baby Tonight (2) ; Masters of War (2) ; Leopard-Skin Pill Box Hat (2) ; Cat’s in the Well (2) ; Desolation Row (2) ; Just Like Tom Thumb’s Blues (2) ; John Brown (2) ; The Lonesome Death of Hattie Carroll ; Ballad of Hollis Brown ; Make You Feel My Love ; I Shall Be Released ; Every Grain of Sand ; Visions of Johanna ; Blind Willie McTell ; Tears of Rage ; Girl of the North Country ; Sugar Baby ; ‘Til I fell in Love with You ; Boots of Spanish Leather ; Happy Birthday .

Se non coñecedes algunha delas, estades en pecado mortal. Aviso. Tedes ata o día 27 para vos poñer ao pairo. Para facilitar o traballo, a carón do nome da canción aparece o número de veces que foi interpretada, de modo que podedes intuir cal delas ten máis probabilidades de ser oida na aparición de Vigo. O 28 todos a confesión.

En canto ao problema de oficiar de costas, semella que en todos estes concertos interpreta ao organillo, polo que debemos admitir que, se ben non o fai de costas, ten unha clara tendencia a facelo escorado, de esguello. Vese que nin o mesmo Dylan se dá posto de acordo consigo mesmo.

Ide dispostos a todo. Que saibades que en Salzburgo (Dylan quera que non se repita!) fixo un concerto acústico.

Quedade con Dylan.

Santos do día



Santa Joan Baez, mártir

En realidade nin é santa nin é martir, inda que se algún de vós se anima e a martiriza (se escoitades a súa celebrada versión do "Preso nº 9" será máis fácil decidirse), nós comporometémonos a canonizala. Tamén canonizaremos ao/á que a martirice, por suposto.

Iconografía: con minifalda e rodeada de espermatozoides pacíficos.

miércoles, 18 de junio de 2008

Ideas para vivir o Advento. A Novena.


Os membros da Igrexa Adventista Dylaniana dun Día Destes (é dicir, eu) queremos propoñer ós dylanianonianos todos unha serie de ideas para vivir estes días previos á chegada de Deus (in person, cajiná!). É tempo de ledicia, pero é tamén tempo de introspección.

É tempo de lembrar o pasado, de celebrar o nacemento de Robert Allen Zimmerman en Duluth (Minnesota), cheo de humildade e pobreza; pero tamén é tempo de vivir o presente, de encher a nosa vida diaria coa “presencia de Bob” en nós e, por nós, no mundo; tempo de vivir sempre vixiantes voando polos ventos do Señor (Tales of Yankee Power) na xustiza e no amor, principalmente no amor; e é tempo, tamén, de preparar o futuro, de prepararnos para a Parusía, a nova chegada de Bob “na maxestade da súa gloria”. E van catro.

Se algunha vantaxe temos os dylanianonianos con respecto a outras relixións de menos enxunlla, é a de que, mentres eles esperan sen saber cando vai ser o Xuízo Final e polo tanto andan todo o día co cú apretado para non cometer pecados por medo a que xusto despois chegue o momento, cando Bob Dylan vén a nós anúnciase de carallo. Por este motivo, a Igrexa Adventista Dylaniana pode axudar ós dylanianonianos todos a preparar o momento ó través da revisión e a proxección, ademáis doutras ideas que iremos expoñendo ó longo destes días. O Advento é tempo de preparación, esperanza e arrepentemento dos nosos pecados para a chegada do Señor. Un tempo no que podemos facer un plan de vida para mellorar como dylanianonianos.

Sabendo que durante estes días verédesvos bombardeados por publicidade que vos distraerá da chegada de Deus, dende a Igrexa Adventista Dylaniana dun Día Destes queremos axudarvos a coidar da vosa fe, ¡esforzádevos por vivir este tempo litúrxico con profundiade, con sentido dylaniano! Aproveitando que as cifras cadran e que xusto dende hoxe faltan nove días para que sexa 27 a nin Dylan sabe qué hora no IFEVI, vaivos aí o primeiro paso da Novena Dylaniana (non confundir coa Novela Dylaniana, que aínda está por escribir) correspondente ó día primeiro (ou nono, asegún dende onde se mire):

****

PARA REZAR ESTA NOVENA
(Se picades nas ligazóns poderedes escoitar, se Dylan quixer, un anaco das cancións, pero confiamos en que dispoñades dunha pía discografía (ou dun rápido borrico) para escoitar as pezas por enteiro e non facer desta novena un pesadelo de mal dillei) .

- Canta a canción relativa ó nove para comezar (pode valer escoitala un par de veces, pero a volume potente. ¿Por qué é esta a canción relativa ó nove? Pola temperatura, nove baixo cero, como a de visitas deste bló, pero xa iremos quecendo)
- Canta Like a Rolling Stone, ou Love Minus Zero/No Limit, ou All Along the Watchtower, ou o Workingman's Blues #2, ou calquera dsa túas cancións de Dylan preferidas a voz en grito (rematando co imprescindible “Palabra de Dylan”, “te alabamos, Señor”, a dúas voces).
- Canta a canción á señora Beatty Zimmerman (pero que o saibades, Tough Mama quere dicir algo así como "rapaza cachonda")
- Canta a canción a Abraham Allen (aínda que, por sorte, o pai de Bob nunca tivo tentacións semellantes pese ó nome)
- Canta calquera das cancións ó Neno Bobby (á primeira terás incluso que lle poñer a música, aproveita para ofrecerlle a Dylan e ós teus ouvidos un reparador sacrificio)
- Canta ós gozos e mailas sombras e todo o que che pareza cantable. ¡Ti escolles a canción de Dylan que che pareza máis leda para este días noveno antes de chegada de Deus!

Palabra de Dylan. Te alabamos Señor.

****

Como na Igrexa Adventista Dylanianiana aprezamos a libertade, igual que no último paso, calquera das cancións pode ser cambiada por calquera outra. Évos o bó destas confesións aparentemente relaxadas. E a partires de hoxe podedes buscar vós mesmos as cancións que vos asemellen acaídas para celebrar estes días de espera. ¡Isto é unha república!

¡Conservarse! ¡Ide con Dylan!

Pecado venial



Unha das dúbidas máis comúns entre os nosos seguidores é se é pecado escoitar a Bruce Springsteen, unha cuestión realmente difícil á que teño que contestar que si. Tal vez venial, pero si, é pecado.

Tradicionalmente seguíase o custume de absterse de springstiniadas, especialmente aquelas executadas con guitarra de pao e armónica, en tempo de Coresma, de Advento (é o caso) e durante tódolos venres do ano como preparación á liturxia sabatina. Hoxe en día esta tradición estase a perder e todos coñecemos a Adventistas Dylanianos que escoitan a Springsteen, se non a cotío, si cunha certa asiduidade, o que non deixa de ser, máis que pecado, vicio. Esta relaxación no seguemento dos preceptos do adventismo dylaniano está tamén relacionada coa identificación e recoñecemento no, para min excesivamente mol e permisivo, Concilio Dylaniano II da corrente springstianista como parte da nosa Igrexa, malia que non son poucos os que se opuxeron e inda se opoñen a esta corrente teolóxica chea de erros que, en oidos inocentes e ben intencionados, poden chegar a ser moi perigosos, levando incluso á idolatría. Coidado cos falsos ídolos.

Sen ser eu un fundamentalista, Dylan me libre, na miña humilde opinión unha volta á observancia dos vellos costumes non é algo que debera ser desbotado de principio, sobre todo atinxindo ao que é este tempo de Advento no que nos atopamos. Así que, meus fillos, tratade de evitar a tentación de escoitar a Bruce Springsteen de aquí ao 27 e, para aqueles que xa o teñan feito, impoñemos a penitencia de cantar dous JustLikeaWomans e un It'sAllOverNow,BabeBlue.

Quedade con Dylan.

Santos do día



Santos Guthrie Bautista e Petty Presbítero

Son patronos secundarios da Diócese de Duluth (Mn.)

Iconografía: represéntanse ambos a cada lado de Sta. Betty Zimmerman, virxe, o Bautista como home venerable e o Presbítero como xove aprendiz.

martes, 17 de junio de 2008

Benvidos, irmáns

Inauguramos hoxe esta santa blog a maior gloria do noso Santo Pai Bob Dylan.

Como todos sabedes, O Verbo vaise facer home e habitará entre nós durante unhas horas o día 27 deste mes. Co gallo desta nova epifanía queremos convidarvos a todos e todas á reflexión, ao recollemento, á introspección propia destes días de Advento. A purificación das nosas ánimas axudará, qué dúbida cabe, a que as notas das cancións do Noso Señor penetren (con perdón) dun xeito sinxelo e armonioso nos nosos castigados corpos.

A loita contra o pecado, desgraciadamente tan presente nestes días, será obxecto dos nosos desvelos. Enfrontarémonos ao inimigo como un só corpo, como unha sóa ánima, pero lembrade que o inimigo non é só exterior, que debemos combatilo tamén dentro de nós. Invitámosvos a que nos fagades partícipes das vosas dúbidas, das vosas debilidades, das vosas caídas. Non vos avergoñedes. Xuntos poderemos vencer e, así, convertidos no Exercito Salvador do Noso Señor lograremos preparar en toda a súa gloria, a chegada do Señor.

"The enemy is subtle, how be it we are so deceived
When the truth's in our hearts and we still don't believe?"

Palabra de Dylan, te alabamos, Señor.