miércoles, 18 de junio de 2008

Ideas para vivir o Advento. A Novena.


Os membros da Igrexa Adventista Dylaniana dun Día Destes (é dicir, eu) queremos propoñer ós dylanianonianos todos unha serie de ideas para vivir estes días previos á chegada de Deus (in person, cajiná!). É tempo de ledicia, pero é tamén tempo de introspección.

É tempo de lembrar o pasado, de celebrar o nacemento de Robert Allen Zimmerman en Duluth (Minnesota), cheo de humildade e pobreza; pero tamén é tempo de vivir o presente, de encher a nosa vida diaria coa “presencia de Bob” en nós e, por nós, no mundo; tempo de vivir sempre vixiantes voando polos ventos do Señor (Tales of Yankee Power) na xustiza e no amor, principalmente no amor; e é tempo, tamén, de preparar o futuro, de prepararnos para a Parusía, a nova chegada de Bob “na maxestade da súa gloria”. E van catro.

Se algunha vantaxe temos os dylanianonianos con respecto a outras relixións de menos enxunlla, é a de que, mentres eles esperan sen saber cando vai ser o Xuízo Final e polo tanto andan todo o día co cú apretado para non cometer pecados por medo a que xusto despois chegue o momento, cando Bob Dylan vén a nós anúnciase de carallo. Por este motivo, a Igrexa Adventista Dylaniana pode axudar ós dylanianonianos todos a preparar o momento ó través da revisión e a proxección, ademáis doutras ideas que iremos expoñendo ó longo destes días. O Advento é tempo de preparación, esperanza e arrepentemento dos nosos pecados para a chegada do Señor. Un tempo no que podemos facer un plan de vida para mellorar como dylanianonianos.

Sabendo que durante estes días verédesvos bombardeados por publicidade que vos distraerá da chegada de Deus, dende a Igrexa Adventista Dylaniana dun Día Destes queremos axudarvos a coidar da vosa fe, ¡esforzádevos por vivir este tempo litúrxico con profundiade, con sentido dylaniano! Aproveitando que as cifras cadran e que xusto dende hoxe faltan nove días para que sexa 27 a nin Dylan sabe qué hora no IFEVI, vaivos aí o primeiro paso da Novena Dylaniana (non confundir coa Novela Dylaniana, que aínda está por escribir) correspondente ó día primeiro (ou nono, asegún dende onde se mire):

****

PARA REZAR ESTA NOVENA
(Se picades nas ligazóns poderedes escoitar, se Dylan quixer, un anaco das cancións, pero confiamos en que dispoñades dunha pía discografía (ou dun rápido borrico) para escoitar as pezas por enteiro e non facer desta novena un pesadelo de mal dillei) .

- Canta a canción relativa ó nove para comezar (pode valer escoitala un par de veces, pero a volume potente. ¿Por qué é esta a canción relativa ó nove? Pola temperatura, nove baixo cero, como a de visitas deste bló, pero xa iremos quecendo)
- Canta Like a Rolling Stone, ou Love Minus Zero/No Limit, ou All Along the Watchtower, ou o Workingman's Blues #2, ou calquera dsa túas cancións de Dylan preferidas a voz en grito (rematando co imprescindible “Palabra de Dylan”, “te alabamos, Señor”, a dúas voces).
- Canta a canción á señora Beatty Zimmerman (pero que o saibades, Tough Mama quere dicir algo así como "rapaza cachonda")
- Canta a canción a Abraham Allen (aínda que, por sorte, o pai de Bob nunca tivo tentacións semellantes pese ó nome)
- Canta calquera das cancións ó Neno Bobby (á primeira terás incluso que lle poñer a música, aproveita para ofrecerlle a Dylan e ós teus ouvidos un reparador sacrificio)
- Canta ós gozos e mailas sombras e todo o que che pareza cantable. ¡Ti escolles a canción de Dylan que che pareza máis leda para este días noveno antes de chegada de Deus!

Palabra de Dylan. Te alabamos Señor.

****

Como na Igrexa Adventista Dylanianiana aprezamos a libertade, igual que no último paso, calquera das cancións pode ser cambiada por calquera outra. Évos o bó destas confesións aparentemente relaxadas. E a partires de hoxe podedes buscar vós mesmos as cancións que vos asemellen acaídas para celebrar estes días de espera. ¡Isto é unha república!

¡Conservarse! ¡Ide con Dylan!

No hay comentarios: