martes, 17 de junio de 2008

Benvidos, irmáns

Inauguramos hoxe esta santa blog a maior gloria do noso Santo Pai Bob Dylan.

Como todos sabedes, O Verbo vaise facer home e habitará entre nós durante unhas horas o día 27 deste mes. Co gallo desta nova epifanía queremos convidarvos a todos e todas á reflexión, ao recollemento, á introspección propia destes días de Advento. A purificación das nosas ánimas axudará, qué dúbida cabe, a que as notas das cancións do Noso Señor penetren (con perdón) dun xeito sinxelo e armonioso nos nosos castigados corpos.

A loita contra o pecado, desgraciadamente tan presente nestes días, será obxecto dos nosos desvelos. Enfrontarémonos ao inimigo como un só corpo, como unha sóa ánima, pero lembrade que o inimigo non é só exterior, que debemos combatilo tamén dentro de nós. Invitámosvos a que nos fagades partícipes das vosas dúbidas, das vosas debilidades, das vosas caídas. Non vos avergoñedes. Xuntos poderemos vencer e, así, convertidos no Exercito Salvador do Noso Señor lograremos preparar en toda a súa gloria, a chegada do Señor.

"The enemy is subtle, how be it we are so deceived
When the truth's in our hearts and we still don't believe?"

Palabra de Dylan, te alabamos, Señor.

No hay comentarios: