miércoles, 18 de junio de 2008

Pecado venial



Unha das dúbidas máis comúns entre os nosos seguidores é se é pecado escoitar a Bruce Springsteen, unha cuestión realmente difícil á que teño que contestar que si. Tal vez venial, pero si, é pecado.

Tradicionalmente seguíase o custume de absterse de springstiniadas, especialmente aquelas executadas con guitarra de pao e armónica, en tempo de Coresma, de Advento (é o caso) e durante tódolos venres do ano como preparación á liturxia sabatina. Hoxe en día esta tradición estase a perder e todos coñecemos a Adventistas Dylanianos que escoitan a Springsteen, se non a cotío, si cunha certa asiduidade, o que non deixa de ser, máis que pecado, vicio. Esta relaxación no seguemento dos preceptos do adventismo dylaniano está tamén relacionada coa identificación e recoñecemento no, para min excesivamente mol e permisivo, Concilio Dylaniano II da corrente springstianista como parte da nosa Igrexa, malia que non son poucos os que se opuxeron e inda se opoñen a esta corrente teolóxica chea de erros que, en oidos inocentes e ben intencionados, poden chegar a ser moi perigosos, levando incluso á idolatría. Coidado cos falsos ídolos.

Sen ser eu un fundamentalista, Dylan me libre, na miña humilde opinión unha volta á observancia dos vellos costumes non é algo que debera ser desbotado de principio, sobre todo atinxindo ao que é este tempo de Advento no que nos atopamos. Así que, meus fillos, tratade de evitar a tentación de escoitar a Bruce Springsteen de aquí ao 27 e, para aqueles que xa o teñan feito, impoñemos a penitencia de cantar dous JustLikeaWomans e un It'sAllOverNow,BabeBlue.

Quedade con Dylan.

No hay comentarios: