miércoles, 2 de julio de 2008

Santos do día

San Llastlaicagöuman

Patrón do desamor, canonizado no 1966 polo propio Dylan. É un dos santos que provocan meirande fervor nos crentes, que peregrinan a cotío ao seu santuario.

Iconografía: premer aquí, se vos atrevedes.

martes, 1 de julio de 2008

Momentazos 10

Momento 1: No bus. Meu Señor Dylan! Aquelo parecía La Juventud Baila, 40 Aniversario. Eu era dos máis novos! Fago, pecador, firme propósito de non volver a un concerto do Noso Señor.

Momento 2: Leopard Skin Pill Box Hat. Fago firme propósito de non perderme nunca un concerto do Noso Señor. Digo: hai que ter moita confianza nun mesmo e no teu repertorio para comezar un concerto cunha canción pola que roqueiros de todo o mundo presentes, pasados e futuros, darían un brazo.

Momento 3: Girl of the North of the Country. Unha versión preciosa, desas que din "irrecoñecible". Coño! É que non é a mesma canción! Xa o explicou unha vez o profeta Chiquito: o Noso Señor non grava versións definitivas, grava versións, sen máis, así que, se agora xa non lle gusta o que gravou, pois canta outra. E punto.

Momento 4: Memphis Blues Again. O Noso Señor anda despistado. Na cuarta estrofa entran todos menos el. Non pasa nada. Esa banda poderosísima agarda a que esperte do seu soño, fogar de Zimmermán, e enganchan como se nada. Pouco despois toca coller a armónica. Cóllea do revés. Faise un lío. Arranxado cun portentoso solo de guitarra.

Momento 5: It's All Right, Ma! Con ese riff que se inventou Dylan cando a terra inda estaba quente xa nos chega. Había por alí un banjo que soaba nas estrofas e calaba no estribillo. Dous aires distintos na mesma canción. Non estivo nada mal.

Momento 6: Handy Dandy. Unha canción moi bonita e (aparentemente) inocente. Di nunha das Biblias Adventistas Dylanianas (Expecting Rain) que era a primeira vez que a tocaba en directo. Eu, pecador, non o sabía. Farei o preciso acto de contrición.

Momento 7: Highway 61 Revisited. Non é necesario dicir nada máis.

Momento 8: Ain't Talkin'. A xulgar polas declaracións da ferigresía, momentazo feminino. Non houbo rapaza que se lle escapara. Esa viola púxoas nerviosas.

Momento 9: Like a Rollin' Stone. Non é necesario e bla, bla, bla...

Momento 10: Un pequeno grupo de adventistas dylanianos reúnese preto da barra para darse fraternalmente a paz e primeiros comentarios entregados á causa. Momentazo inesquecible, agardo que repetible.

Erros teolóxicos


Erro 1: "Dylan non mira para o público". Claro. É que a aparición é el, non nós. Nós pagamos por velo. El cobra. Nós viaxamos 200, 300 o mil quilómetros para velo. El nin sairía á fiestra para vernos pasar. El escribiu Leopard Skin Pill Box Hat. Nós non.

Erro 2: "É difícil recoñecer as cancións". Debe ser. E moito. Na Coz de Galicia o inclito e marabilloso periodista que cubre o paso do Noso Señor pola terra dixo que tocou Blues in Earth. O do Qué País!, que tocou unha estraña (para min estrañísima) versión de Hey, Joe. Pois qué ben.

Erro 3: "Foi moi puntual". O concerto era ás 9:30. Púñao en tódolos sitios. Outra cousa é que por aquí haxa que poñer os concertos ás 12 da noite para que a xente vaia chegando á 1:00 e o intérprete suba ao escenario á 1:30.

Erro 4: "Aquelo era un xeriátrico". Sen ser un erro moi claro, aló había xente de tódalas idades, e por preto do escenario a media de idade reducíase moito. A barra si que pareceía un chiringuito de Benidorm.

Erro 5: "Non tocou Hurricane". Pois non. Nin Just Like a Woman. Nin Cat's in the Well. Non pode tocar todas. Son como 500. Inda estaríamos alí. Podería ser, pero non. Qué mágoa.

Erro 6: "Non habería máis de 7 ou 8000 persoas". Abondas. O Noso Señor, en contra da lóxica do marquetin das estrelas do rock, baseado en non deixarse ver demasiado polos foros, actúa 13 veces na Península e a xente, normal, agarda a que pase por preto súa casa (Springsteen dixit).

Te alabamos, Dylan.