martes, 1 de julio de 2008

Momentazos 10

Momento 1: No bus. Meu Señor Dylan! Aquelo parecía La Juventud Baila, 40 Aniversario. Eu era dos máis novos! Fago, pecador, firme propósito de non volver a un concerto do Noso Señor.

Momento 2: Leopard Skin Pill Box Hat. Fago firme propósito de non perderme nunca un concerto do Noso Señor. Digo: hai que ter moita confianza nun mesmo e no teu repertorio para comezar un concerto cunha canción pola que roqueiros de todo o mundo presentes, pasados e futuros, darían un brazo.

Momento 3: Girl of the North of the Country. Unha versión preciosa, desas que din "irrecoñecible". Coño! É que non é a mesma canción! Xa o explicou unha vez o profeta Chiquito: o Noso Señor non grava versións definitivas, grava versións, sen máis, así que, se agora xa non lle gusta o que gravou, pois canta outra. E punto.

Momento 4: Memphis Blues Again. O Noso Señor anda despistado. Na cuarta estrofa entran todos menos el. Non pasa nada. Esa banda poderosísima agarda a que esperte do seu soño, fogar de Zimmermán, e enganchan como se nada. Pouco despois toca coller a armónica. Cóllea do revés. Faise un lío. Arranxado cun portentoso solo de guitarra.

Momento 5: It's All Right, Ma! Con ese riff que se inventou Dylan cando a terra inda estaba quente xa nos chega. Había por alí un banjo que soaba nas estrofas e calaba no estribillo. Dous aires distintos na mesma canción. Non estivo nada mal.

Momento 6: Handy Dandy. Unha canción moi bonita e (aparentemente) inocente. Di nunha das Biblias Adventistas Dylanianas (Expecting Rain) que era a primeira vez que a tocaba en directo. Eu, pecador, non o sabía. Farei o preciso acto de contrición.

Momento 7: Highway 61 Revisited. Non é necesario dicir nada máis.

Momento 8: Ain't Talkin'. A xulgar polas declaracións da ferigresía, momentazo feminino. Non houbo rapaza que se lle escapara. Esa viola púxoas nerviosas.

Momento 9: Like a Rollin' Stone. Non é necesario e bla, bla, bla...

Momento 10: Un pequeno grupo de adventistas dylanianos reúnese preto da barra para darse fraternalmente a paz e primeiros comentarios entregados á causa. Momentazo inesquecible, agardo que repetible.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Te alabamos Dylan! E confeso sentirme ferida pola viola que penetrou en min. Vou facer penitencia OH Señor!

Mr Tambourine Man dijo...

¡Eh, Soy tu sacerdote!

Un beso.
C.